CRTVG

Buscar

A lava entra no mar na costa de Tazacorte e crea un delta de dez hectáreas

Publicado o 30/09/2021 08:22

A lava segue caendo no mar na costa de Tazacorte. Leva máis de trinta horas. A acumulación deses materiais do volcán vaille gañando terreo ao Atlántico e ampliando o perímetro da illa. Estímase que coa lava que entra na auga se gañe entre un e dous quilómetros de terra ao mar. Xa se formou un delta dunhas dez hectáreas na costa. O que nas Canarias chaman unha illa baixa.

A illa medra non só ao ancho. Tamén ao alto. Des que comezou a erupción o domingo 19, A Palma cambou uns 30 centímetros. O positivo da chegada da lava ao mar foi que o magma discorreu polas vías xa creadas polas coadas e non destruíu máis vivendas. Un respiro para os palmeiros tras once días de angustia.

Inda que o volcán non ocasionara afectacións persoais directas, é dicir, vítimas, si está causando unha enorme destrución. Leva máis de 800 edificacións danadas, sobre todo vivendas, 656 arrasadas, máis de vinte quilómetros de estradas cubertos de lava. O volcán danou gravemente a economía da illa, non só o negocio plataneiro, tamén o turístico, dividiu A Palma en dúas e centos de familias perdérono todo.

Familias que van depender das axudas institucionais para sobrevivir. A ministra voceira do Goberno explicaba nas últimas horas que se vai priorizar coas achegas máis inmediatas.

Das dúas linguas de lava que rodearon o monte de Todoque, unha delas quedou freada, mentres a outra foi a que alcanzou o mar. Coa intensidade con que está expulsando lava o volcán nas últimas horas, témese que esoutra coada se reactive e arrase os invernadoiros de plataneiros que de momento se salvaron.

Noticias web

30/09/2021