CRTVG

Buscar

A lava do volcán destruíu medio milleiro de casas e a cinza cobre 1.300 hectáreas

Publicado o 26/09/2021 16:45

• O aeroporto da Palma recupera a operatividade

"Quedan dúas ou tres semanas como mínimo"

 

A lava que emite o volcán de Cumbre Vieja, na Palma, diminuíu a súa velocidade nas últimas horas, segundo informou o Goberno das Canarias nun comunicado. Tras o derrubamento da parte superior do cono volcánico, alcanzara velocidades de entre os 250 e os 300 metros por hora.

A directora do Instituto de Xeografía Nacional (IGN) no arquipélago, María José Blanco, asegura que no cráter hai polo menos tres puntos de emisión simultánea e os dous que apareceron o venres na base do cono, na súa saia, fundíronse nun único enclave de emisión. A estes hai que sumarlles un punto máis sobre o cono volcánico, así como dúas coadas de lava activas, a máis antiga delas case detida.

O comité científico do Plan de emerxencias volcánicas das Canarias (PEVOLCA) dixo que a erupción fisural continúa mostrando un mecanismo estromboliano, isto é, explosións esporádicas e pouco violentas, e concentra a súa actividade actualmente no cono.

Volve a actividade ao aeroporto

Este domingo, cando fai unha semana da erupción, o aeroporto da Palma recuperou a súa operatividade despois de 24 horas pechado, tras o avance nas operacións de limpeza da cinza lanzada polo volcán, segundo informou AENA.

Enaire, o xestor da navegación aérea, aprobou o plan de voo nesta terminal polo que todos os aeroportos das Canarias xa están operativos. 

A noite transcorreu sen incidentes e á mañá a poboación tivo que recorrer aos paraugas para protexerse da chuvia de cinza. Segundo as últimas estimacións, xa cobre 1.300 hectáreas de terreo.

Segundo as estimacións dos satélites da UE, desde o domingo pasado a lava cubriu 212 hectáreas, destruíu medio milleiro de casas e estragou unha decena de quilómetros de estradas.

Recuperar utensilios

Ademais, unhas 6.000 persoas tiveron que abandonar as súas vivendas. Este domingo, algunhas das desaloxadas o venres puideron entrar nas casas para recuperar utensilios.

"Temos organizado un dispositivo de acompañamento aos cidadáns para axudarlles a sacar todas as cousas", explica a UME.

A pesar de que transcorreu unha semana, o semáforo volcánico mantense en vermello e segue sendo imposible predicir cando pode acabar. Os expertos insisten en lembrar que ningunha erupción da Palma durou menos de 24 días.