CRTVG

Buscar

A lava do volcán da Palma crea unha plataforma no mar de medio quilómetro de ancho

Publicado o 30/09/2021 15:07

A chegada da lava ao mar non modificou o comportamento da erupción do volcán Cumbre Vieja na illa da Palma. O último informe do Departamento de Seguridade Nacional confirma que a coada mantén un caudal constante e na zona onde entrou en contacto co Atlántico está formando unha plataforma que xa ten medio quilómetro de ancho e ocupa unha superficie de case 9 hectáreas.

"Entón que é o que podemos esperar, que continúen as coadas de lava chegando ao mar, descargando no mar, pero tampouco se pode descartar que haxa un ancheamento horizontal desas coadas que se abran un pouco máis".

No seu percorrido ata o mar, a lava arrasou máis de 470 hectáreas e destruíu case mil edificacións.

Segundo os expertos, o maior perigo agora sería a apertura dunha nova boca pola que saíse lava que se desviase da coada principal invadindo novos terreos.

"Calquera interrupción desta actividade ou a apertura dunha nova boca seguramente desembocaría nunha nova coada que discorrería sobre a anterior e tería que buscar de novo o seu camiño ao mar".

Máis difícil é facer prognóstico sobre cando podería cesar a actividade no Cumbre Vieja. As dúas últimas erupcións rexistradas na illa da Palma duraron 24 e 84 días.

Noticias web

30/09/2021