A lava na illa da Palma avanza a 4 metros por hora e xa destruíu preto de 400 casas
• Os reis visitan a illa para achegarse aos damnificados pola erupción
A poucos metros da erupción, e protexido con equipos especiais, un equipo da UME adéntrase na coada de lava do volcán. Tratan de detectar se hai toxicidade no aire. Mentres, continúan xurdindo numerosas explosións na boca principal do Cumbre Vieja.
Ithaiza Domínguez, sismólogo do IGN, explica que "a erupción está a ter fases cambiantes, hai momentos en que emite máis cinza e piroclastos e outros que emite máis colas de lava como os primeiros días. O feito de que agora estea expulsando máis cinza, tamén fai que as coadas avancen a menor velocidade".
De feito, a principal lingua de magma percorre só uns 4 metros por hora, segundo o Departamento de Seguridade Nacional. Pero, malia a súa lentitude, a destrución é máxima ao seu paso polas poboacións, como a de Todoque, unhas das máis afectadas.
"Falamos de preto de 200 vivendas entre outras edificacións e tamén moitas plantacións, o núcleo urbano está prácticamente devastado", asegura Manuel Perera, concelleiro de Urbanismo do Concello de Los LLanos de Aridane.
A lava xa ocupa máis de 160 hectáreas de terreo da illa, e destruíu preto de 400 vivendas. O seu lento avance fai que os expertos dubiden de que o magma chegue finalmente ao mar. Tamén lles permite gañar tempo aos equipos de emerxencias, que intentan desviar a lava cara a zonas sen casas. Traballos contra o reloxo e baixo unha nube de cinza e gases que xa tingue A Palma e que xa se dirixe cara á Península Ibérica e parte do Mediterráneo. Os voos comerciais operan con normalidade, aínda que a Delegación do Goberno xa solicitou a creación de dúas zonas restrinxidas de espazo aéreo para facilitar o operativo de emerxencias.
Desde que na tarde do domingo entrou en erupción, o volcán Cumbre Vieja non deu un momento de respiro aos habitantes da illa da Palma. Os veciños de Todoque, xa con varias casas arrasadas, onde os veciños volvían para recuperar o máximo de pertenzas posible.
Proporcionar un aloxamento a toda esa xente que perdeu as súas casas é a principal preocupación do Goberno canario, que xa anunciou a compra de dúas promocións privadas agora baleiras.
Son 73 vivendas situadas nos concellos veciños de Tazacorte e Los Llanos de Aridane.
Tamén se levantarán casas prefabricadas noutras zonas da illa.
Mentres, os 6.000 veciños evacuados comezarán a ser recolocados en aloxamentos turísticos e centros sociosanitarios da Palma.