CRTVG

Buscar

A lava chega ao mar nunha zona de cantís de Tazacorte

Publicado o 29/09/2021 02:10

• O material magmático forma no mar unha pirámide de máis de 50 metros de altura | Sigue en directo a evolución do volcán

A lava chega ao mar nunha zona de cantís de Tazacorte

EFE/Ángel Medina

EFE
A coada de lava que emerxe da erupción volcánica da Palma chegou ao mar nunha zona de cantís na costa de Tazacorte. A lava foi caendo de forma lenta, e o único que se puido ver de lonxe foron pedras candentes que caen ao mar, segundo a retransmisión que realiza a Televisión Canaria desde un barco e as imaxes facilitadas desde o buque do Instituto Español de Oceanografía Ramón Margalef.
A escuridade da noite non permite ver as columnas de vapor de auga que supostamente se deberon formar polo choque térmico da lava co mar. Esas columnas levan uns gases que poden resultar tóxicos para os ollos, os pulmóns e a pel, se se constata un fume negro, que forma parte do proceso de caída da lava ao mar.
A lava caeu ao mar desde unha altura duns cen metros por un cantil situado nas proximidades da praia de El Guirre, en Tazacorte. Momentos antes de que a lava chegase ao mar, pasadas as 11 da noite, evacuouse a zona do porto de Tazacorte, en que se congregaban, entre outros, numerosos xornalistas que se desprazaron ata o miradoiro da montaña El Time.
Desde alí divísase desde a distancia a caída da lava polo cantil situado lixeiramente ao norte do lugar onde caeron as coadas de lava do volcán de San Juan en 1949.
Tras a parada onte na erupción volcánica, o magma, segundo explicaron os especialistas, emerxeu de zonas máis profundas e por tanto a lava está máis quente e desprazouse con maior rapidez, especialmente nos últimos metros.
A chegada da lava prodúcese no noveno día da erupción volcánica de Cumbre Viejo e é o impulso definitivo a unha coada de lava que se formou hai 28 horas. Os vulcanólogos advertiron estes días á poboación de que non se achegue ao río de lava cando entre en contacto coa auga do mar porque poden producirse novas explosións e tamén intensificarse o fume que leva substancias tóxicas para os ollos, os pulmóns e a pel. Con todo, aclararon que a afección se produce dentro da zona de exclusión de dous quilómetros, e os catro núcleos de poboación máis próximos están confinados. 

Noticias web

29/09/2021