CRTVG

Buscar

A coada do volcán da Palma arrasa 300 vivendas e aproxímase ao mar

Publicado o 22/09/2021 15:00

Cumbre vieja segue ruxindo. Os ríos de lava continúan sepultando ao seu paso vivendas, infraestruturas e cultivos. A superficie cuberta de magma medrou un 50 % en doce horas e xa arrasou 300 edificios, os últimos en Todoque.

"Da paisaxe que estabamos acostumados a ver, a ese manto negro que cobre gran parte do noso territorio, a verdade é que son imaxes descorazonadoras", explica emocionada Noelia García, alcaldesa de Los Llanos de Aridane. 

Os bombeiros tratan de desviar a lava cara un barranco, con escavadoras, para salvar máis casas. Nas últimas horas a illa rexistrou un forte incremento da actividade explosiva e abriuse unha nova boca eruptiva no volcán. 

"Maior explosividade significa que hai máis gases nos magma que bota fóra a lava. É normal o que está pasando, é o que pasou xa hai tempo, hai 50 anos", di o xeólogo Manuel Regueiro, quen engade que se trata da evolución normal dun volcán.

Baixo o nivel 2 de emerxencia, toda a illa agarda o instante en que a lava toque o mar. O presidente Canario adiantou que a principal coada podería chegar ao océano ás 8 da tarde, hora canaria, á altura de Praia Nova, en Tazacorte. Será un dos momentos máis críticos para a seguridade da poboación, pola emisión de gases. 

"Producirase unha inmensa fumareda de gases e vapor de auga. Hai que estar sempre alerta ante os gases, porque nas anteriores erupcións foron a causa de morte dos que faleceron. Está claro que os gases son tóxicos", conclúe Regueiro. 

Decenas de científicos toman mostras e tratan de predicir o comportamento do volcán, para saber cando e como acabará. O Instituto Vulcanolóxico das Canarias calcula que a erupción pode prolongarse entre 24 e 84 días, cunha media probable, din, de 55 días de duración.

Noticias web

22/09/2021