CRTVG

Buscar

A lava, cunha temperatura de máis de mil graos, avanza na Palma arrasando canto atopa

Publicado o 21/09/2021 08:59

Máis lenta, pero imparable. A lava, cunha temperatura de máis de mil graos, avanza destruíndo todo ao seu paso. Casas enteiras, parcelas, coches... xa foron engulidos. De momento, imposible cifrar os danos. Cífranse en 183 as vivendas sepultadas pola lava que cubre unhas 103 hectáreas.

Nas últimas horas abríase unha nova boca eruptiva, a menos dun quilómetro da principal, nas proximidades do lugar de Tacande, no Paso, nas proximidades da vila de Tacande, o que obrigou aos servizos de emerxencia a ampliar as evacuacións.

Segundo constataron técnicos do Plan de prevención de risco volcánico das Canarias, o movemento da lava desacelerouse, avanza a uns 300 metros por hora, aínda que os expertos aclaran que iso non significa que as erupcións estean remitindo. 

Preocupa o momento en que a lava chegue ao mar, cuestión de horas, calculan. Témese que, ao contacto coa auga, se liberen gas e emisións tóxicas.

Para evitar problemas, estableceuse un perímetro de dous quilómetros de seguridade. Prohibiuse temporalmente a navegación nas zonas afectadas pola erupción volcánica na illa, sobre todo, ante esa inminente chegada da lava ao mar.

Tras a erupción do domingo, a actividade sísmica na Palma diminuíra drasticamente. Pasárase dos 127 pequenos terremotos diarios aos 15. Con todo, nas últimas horas rexistrábase novos sismos. O maior deles, de 4,1 graos na escala Richter, sentiuse en varios municipios, pero non ocasionou danos.

Noticias web

21/09/2021