CRTVG

Buscar

A lava crea un delta de 500 metros de ancho e o vento retén a nube tóxica

Publicado o 29/09/2021 20:51

• O magma descolora o mar | Mantense o confinamento de catro barrios | O volcán arrasou unhas 750 construcións e 480 hectáreas

EFE

A lava do volcán da Palma comezou a gañarlle terreo ao mar ata formar un delta duns 500 metros de ancho e, de momento, o vento mantén afastada da costa a columna de vapor de auga e de gases posiblemente tóxicos xerada polo contacto entre o magma e o océano.

Por se acaso, e ata que non haxa resultados definitivos dun estudo de seguimento dos gases emitidos, mantense en vigor o confinamento da poboación dos núcleos de San Borondón, Marina Alta, Marina Baj e La Condesa, e mais a zona de exclusión de navegación de dúas millas.

Os científicos que monitorizan a actividade do volcán non aprecian evidencias de que a dinámica do proceso eruptivo sexa estable. A erupción non está "estabilizada" e existe unha dinámica "que escapa ao noso control", admitiu Rubén Fernández, director técnico do Plan de Emerxencias Volcánicas de Canarias (Pevolca). E é que o proceso eruptivo segue activo, con predominio da actividade efusiva, isto é, de emisión de lava fluída, e ao longo das frontes da coada que chegou ata o mar pode haber "avances significativos", segundo advertiu a directora do Instituto Xeográfico Nacional en Canarias, María José Blanco.

Tamén explicou que o volcán pode seguir mostrando episodios de incremento e diminución de actividade, como sucedeu este luns, cando estivo practicamente parado antes de evolucionar a unha fase hawaiana que predomina sobre a estromboliana. A columna de cinzas e gases que está a emitir o volcán alcanzou os 3.500 metros de altitude nas últimas horas e incrementouse a emisión diaria de dióxido de xofre ata as 10.757 toneladas.

En canto á sismicidade en profundidade localizada na zona de Fuencaliente, os expertos sinalan que agora mesmo o magma ten unha válvula de escape e, por tanto "non ten necesidade de buscar un camiño novo de ascenso cara á superficie terrestre". O Pevolca realizou un cálculo aproximado da superficie afectada pola erupción, que se sitúa en 476 hectáreas.

En canto aos danos en construcións, hai 656 destruídas e outras 88 danadas parcialmente, 744 afectadas en total, segundo os satélites de Copernicus.

A calidade do aire segue sendo boa, aínda que nunha estación móbil do Goberno das Canarias en Los Llanos de Aridane o martes medíronse máis de 50 microgramos de partículas por metro cúbico, que non supoñen unha superación dos límites establecidos na normativa, pero aconsella manter a monitorización.

O réxime de ventos fai que o impacto das cinzas e gases sexa menor na operatividade aérea e, de feito, as aeroliñas Binter e CanaryFly retomaron este mércores as súas operacións no aeroporto da Palma, aínda que algunhas cinzas finas poderían alcanzar a illa do Hierro nas próximas horas.

A esperada e temida chegada da lava ao mar provocou, polo momento, a creación dun delta de aproximadamente medio quilómetro de ancho, mentres que o océano ao seu ao redor cambiou de cor polos efectos do material volcánico. Eugenio Fraile, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), sinalou a EFE desde o buque Ramón Margalef, que se atopa a un quilómetro de distancia da coada, que a lava cae de forma tranquila ao mar.

Só no momento de contacto entre o material volcánico e o mar fórmanse pequenas nubes de gases, que son transportadas polo vento pero que se dilúen rapidamente. Fraile explicou que tamén se constatou unha descoloración do océano e únense zonas en turquesa e outras marróns, especialmente na área próxima á lava. Lembrou que este fenómeno xa se puido observar hai dez anos na erupción volcánica submarina da illa do Hierro, na que o mar se tinguiu de varias cores ata que finalizou a saída do magma. O científico detallou que na zona dos cantís onde caeu a lava  tamén se produciu un pequeno derrubamento.

José Carlos Hernández, profesor de Bioloxía mariña da Universidade de La Laguna, sinala que a lava está a caer nunha zona onde a vida mariña é "bastante pobre" e que a longo prazo xerará riqueza biolóxica. Son uns fondos areosos na zona da praia de Los Guirres, no municipio de Tazacorte, onde a diversidade de organismos é baixa.

Máis aló do drama social que a erupción provocou na illa, onde máis de 6.000 persoas foron evacuadas das súas vivendas, Hernández sinala que, desde o punto de vista científico e unha vez que a lava arrefríe na auga do mar, xerará un novo arrecife rochoso. Nel pódense crear zonas intermareais, que son de augas moi superficiais e nas que pode haber moitos recursos como lapa e polbos, e mais dentro da auga un novo chan que suplantará o areoso que había ata o de agora. Dese modo crearase riqueza, pero necesitarase que pase tempo.

Mentres, desde o ámbito institucional, o presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciou que volverá á illa da Palma, aínda que non concretou data, e asegurou que van empezar a traballar as tres administracións para aprobar canto antes un real decreto lei "con moitas máis axudas" para os palmeiros.

Despois de que o Executivo declarase A Palma zona catastrófica e aprobase unha axuda de 10,5 millóns de euros, Sánchez asegurou nos corredores do Congreso, tras intervir na sesión de control, que están a traballar co Goberno canario e co cabido palmeiro para seguir nesa liña de colaboración e que o martes tiveron a primeira reunión desta comisión mixta.

Sánchez volveu trasladar "a solidariedade e a certeza de que o Goberno está cos palmeiros". O conselleiro responsable de Planificación Territorial do Goberno de Canarias José Antonio Valbuena afirmou este mércores que non haberá límites en documentos, regulamentos ou leis para "unha solución humana" para a reconstrución urbana e social na Palma, só o límite que impoña a natureza e o que técnica e construtivamente sexa imposible.

"Agora o volcán segue falando, cando termine falaremos nós e o noso obxectivo é que os camións cargados de aveños regresen cargados de aveños", dixo Valbuena no pleno do Parlamento e subliñou que nin as leis do chan nin as ambientais foron concibidas para unha erupción volcánica. 

Noticias web

29/09/2021