CRTVG

Buscar

A lava avanza a 1.300 metros por hora e cunha altura de sete metros nalgúns puntos

Publicado o 16/10/2021 20:56

O volcán Cumbre Vieja expulsa lava nunha cantidade, e cunha velocidade, poucas veces vista desde que comezou a erupción. Nalgúns puntos as coadas avanzan entre plataneiros e edificacións cunha altura de ata sete metros, e cunha velocidade de máis de mil trescentos metros á hora. Se esta coada segue avanzando deste xeito, podería chegar ao mar pronto, e formar outra cornixa.

Sete mil persoas seguen evacuadas, agardando impotentes a fin dun fenómeno natural que ninguén sabe cando rematará. Por se a ameaza da lava fose pouco, os habitantes da illa sentiron claramente dous dos máis de trinta sismos rexistrados este sábado.

Ata o momento a lava cubriu xa 742 hectáreas da Palma, levando por diante máis de 1.800 edificacións. Os veciños doutras casas ameazadas polo avance das novas coadas, axudados polos militares da UME, sacan todo o que poden das súas vivendas.

A previsión meteorolóxica tampouco axuda, xa que ás dificultades causadas pola nube de cinzas e gases do volcán, engádese a ameaza da chegada dunha masa de aire con po do Sáhara. Esta coincidencia podería obrigar a novos confinamentos e dificultará a actividade do aeroporto da illa.

Noticias web

16/10/2021