A instrución xudicial do accidente do Alvia finaliza con dous únicos investigados
O maquinista Francisco José Garzón Amo e o xefe de seguridade de Adif cando se puxo en marcha a liña ferroviaria Santiago-Ourense, Andrés Cortabitarte, son xa os únicos investigados polo descarrilamento o 24 de xullo de 2013 dun Alvia en Santiago, co saldo de 80 mortos.
A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Compostela, confirmou este xoves o peche da investigación tras ser rexeitados os recursos presentados contra o auto do xulgado de instrución número tres, o que entende da causa e á fronte do cal está o maxistrado Andrés Lago Louro.
A causa, polo tanto, segundo informou á prensa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, seguirase unicamente contra estas dúas persoas, que deberán responder pola presunta comisión de oitenta delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e outros 144 de lesións.
Contra esta decisión non cabe xa presentar recurso, indica a mesma fonte.