CRTVG

Buscar

A inmunóloga África González afirma que combinar vacinas é seguro

Publicado o 30/05/2021 14:46

A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo aplaude a decisión da gran maioría dos menores de 60 anos que estes días están complentado a súa inmunización cunha segunda dose de AstraZeneca, en contra da recomendación do Minsterio de Sanidade, de optar por Pfizer. África González non entende a postura do ministerio. Lembra que os casos de trombose como efectos secundarios son aínda máis raros coa segunda dose.

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo: "Eu creo que por detrás pode haber outras cousas como pode ser que ao mellor non teñamos suficientes doses de AstraZeneca e que haxa que buscar unha alternativa, pois iso que o digan, que o expliquen".

Sanidade anunciou un novo envío de máis dun millón de vacinas de AstraZeneca para os próximos días pero poderían non ser dabondo para os menores de 60 anos que optan por este soro, e mais os de 60 a 69 anso que tamén recibiron a primeira dose deste fármaco e non teñen contraindicacións para recibir o segundo.

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo: "Mando unha mensaxe de calma de que se finalmente hai que combinar vacinas non é un problema. O sistema inmunitario vai recoñecer esa proteína da espícula do virus e vai poder desenvolver unha resposta de memoria".

Esta experta en inmunoloxía lembra que o máis importante é vacinar a todo o mundo. De momento, hai mil oitocentos millóns de persoas inmunizadas, principalmente nos países desenvolvidos, pero somos algo máis de sete mil millóns. E as persoas máis novas, di, deberían quedar para o final de todo.

Noticias web

30/05/2021