CRTVG

Buscar

A inmunización evita en Galicia o 100 % das mortes e dos ingresos en UCI

Publicado o 11/05/2021 21:23

Bota a andar a vacinación da xeración do baby boom, á que pertencen 400.000 galegos

A xeración do baby boom comeza a vacinarse. En Galicia hai 400.000 persoas que teñen entre 50 e 59 anos. Este martes foron os máis vellos do grupo, pero ao longo da semana están convocados 80.000 desa franxa de idade.

—Algunha vacina nos últimos días?

—Non.

—Pasou a covid−19?

—Non.

—Voulle poñer a primeira dose de Pfizer.

Esta conversa escoitárona nas útimas horas uns 35.000 galegos de 59, 58 e 57 anos en 14 puntos de vacinación da comunidade autónoma.

Algúns dos que o fixeron en Expourense estaban sorprendidos porque non contaban que os chamaran xa. Case todos apuntaban que o estaban desexando. A enfermeira e coordinadora do proceso neste recinto, Nuria Martínez Blanco, destacaba que todo o mundo chega moi contento porque a pandemia dura demasiado e están desexando recuperar a normalidade nas súas vidas.

Neste grupo de idade están pautadas, ademais da vacina de Pfizer, as de Moderna e Janssen. Pero calquera das aprobadas é boa. O conselleiro de Sanidade presentou no Parlamento o resultado dun estudo con 250.000 persoas vacinadas en Galicia. As conclusións non deixan lugar a dúbidas.

"Demostra que a efectividade da vacina é do 84,4 % na redución das infeccións por coronavirus, do 94 % na hospitalización cunha única dose e do 95,7 con pauta completa. E, o máis importante, do 100 % para ingresos en UCI e falecementos", asegurou Julio García Comesaña.

A Xunta está satisfeita coa marcha do proceso de vacinación. Mais pide prudencia porque se vai facendo camiño pero aínda estamos lonxe da ansiada inmunidade de grupo.

Noticias web

11/05/2021