CRTVG

Buscar

A inmensidade do Courel desde un curruncho: o castro da Torre de Sobredo

Publicado o 01/02/2019 13:15

A inmensidade do Courel é imposible de abarcar cunha soa visita. Guillermo, que ten a sorte de ter O Courel como oficina, recoméndanos un dos seus sitios favoritos para comezar a coñecer O Courel: o castro da Torre de Sobredo, un asentamento militar romano apenas escavado en Folgoso do Courel. Un concello, por certo, que ve cada vez máis preto a declaración da zona que ocupa canda Ribas de Sil e Quiroga como Xeoparque do Courel. Unha oportunidade, di Guillermo, para que a zona reviva e este castro, entre outros restos arqueolóxicos, alcancen o status e o respecto debidos.

Castro da Torre de Sobredo. Folgoso do Courel.

Guillermo Díaz Aira é biólogo e ten como oficina todo O Courel porque traballa de guía de turismo de actividades na zona.
Levounos a un dos seus lugares preferidos, o castro da Torre de Sobredo, que asegura que ten unha das vistas máis bonitas do val do río Lor e de todo O Courel. A el gústalle moito vir, só ou con xente, para sentar e admirar a paisaxe. Di que lle transmite tranquilidade e paz e que todo o mundo debería vir algunha vez porque é unha vista que nunca se esquece, sobre todo agora no inverno, coa morea de cores das distintas árbores, e na primavera, coa explosión de cor das uces.
Cóntanos que este castro era un campamento militar romano que explotaba as minas de ferro que había nos arredores e que deixaron gran pegada nestes montes. Segundo Guillermo, é o mellor sitio para empezar a coñecer O Courel, porque en 300 metros se ve como debía ser a paisaxe de hai dous mil anos.

O seu sitio preferido é un banco que se conserva onde senta, sen móbil, a simplemente mirar o val entre as penas de Formigueiros, Pía Páxaro e Penaboa. Algo, di, que se ten que coñecer e vir polo menos unha vez na vida.

Noticias web

01/02/2019