A infancia aventureira de Marcos na fervenza de Raxoi e Parafita
Os paseos en bici, as chapuzaduras ás agochadas, os contos de medo co pelo mollado... todos son recordos comúns da infancia que nos transportan a veráns sen fin e sen reloxios. O noso curruncho favorito inesquecible naquelas vacacións a miúdo era o máis lonxe que nos podían levar os pés ou a bicicleta, a mellor amiga das infancias aventureiras como a de Fran en Valga, que agora ri pero hai anos tremía de medo por se aparecía a meiga na Fervenza de Raxoi e Parafita.
Fran Devesa, hostaleiro de Valga e membro da Asociación Cultural Os Penoucos, levounos ao seu curruncho favorito da bisbarra, no río Valga, afluente do Ulla. Aló hai unha fervenza situada entre dúas aldeas, por iso se coñece como a fervenza de Parafita ou de Raxoi.
Hai uns anos habilitouse unha pasarela de madeira para chegar doadamente ata a poza e a fervenza, e no curso tamén se rehabilitaron un par de muíños.
Para Fran, é un lugar moi natural, case sen tocar, moi bucólico, con moita tranquilidade e contacto coa natureza, no medio dun salvaxe bosque de ribeira, fentos, musgo, no que só sentes o balbordo do río e dos chíos dos paxaros.
Esta fervenza é especial para Fran e os seus amigos porque lles trae recordos de infancia que agora lles conta ás fillas cando as trae, como o medo que pasaba ao ver algún amigo chimpar desde o alto da fervenza á poza.
Fran lembra que a Fervenza de Parafita é unha das paraxes recollidas na web da Asociación dos Penoucos como lugares a visitar en Valga e que é, desde logo, dos máis visitados.
Cando está nostálxico, confesa que lle gusta vir pasear porque a fervenza lle dá moita serenidade.