CRTVG

Buscar

A inflación cae sete décimas en marzo pola baixada nos prezos dos carburantes

Publicado o 15/04/2020 10:25
A inflación cae sete décimas en marzo pola baixada nos prezos dos carburantes

O índice de prezos de consumo (IPC) caeu en marzo ata o 0,0 % interanual, sete décimas menos que en febreiro, debido fundamentalmente ao abaratamento dos carburantes, de forma que se situou na taxa máis baixa desde agosto de 2016.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este mércores o dato definitivo de inflación de marzo, que é unha décima inferior ao apuntado no avance do pasado 30 de marzo e que continúa coa tendencia á baixa iniciada en febreiro.

O grupo de transporte -cunha caída de prezos do 2,4 %, fronte á alza do 1,8 de febreiro-, foi o que máis influencia tivo na contención da inflación polo abaratamento dos carburantes e  lubricantes para o transporte persoal e, en menor medida, do transporte aéreo de pasaxeiros. 

O INE precisa que, aínda que parte da cesta da compra do IPC non está dispoñible desde o 15 de marzo, cando a actividade comercial parou por completo agás na venda de alimentación e nas farmacias, a proporción de prezos recollidos é do 80 por cento, polo que a calidade do índice é similar á habitual.

Con todo, engade que a emerxencia sanitaria terá consecuencias na recollida de prezos e o cálculo do IPC de abril, polo que traballa con Eurostat e outros institutos de estatística da UE en medidas metodolóxicas comúns que permitan dispoñer dun indicador de calidade.

Ademais dos carburantes, tamén tiraron á baixa da inflación os prezos da vivenda, que baixaron o 4,8 %, un punto máis que en febreiro, debido ao maior abaratamento da electricidade e ao do gasóleo para calefacción, que se encarecía o ano pasado.

Os prezos do lecer e da cultura mantivéronse sen cambios en marzo, fronte á alza do 0,4 % de febreiro, polo abaratamento dos paquetes turísticos, que hai un ano se encareceran, mentras que os prezos dos servizos recreativos e deportivos subiron máis este mes.

Tamén tiraron á baixa da inflación os prezos dos hoteis, cafés e restaurantes, que moderaron tres décimas a súa alza, ata o 1,9 %.

Pola contra, os alimentos e bebidas non alcohólicas subiron o 2,5 %, cinco décimas máis que en febreiro, debido ao encarecemento do peixe e marisco, e ao menor abaratamento dos legumes e hortalizas.

As comunicacións elevaron os seus prezos un 0,7 %, fronte ao descenso do mes pasado, polo encarecemento dos servizos de telefonía e fax, fronte á estabilidade rexistrada o ano anterior.
Os compoñentes da cesta da compra que máis se encareceron son a xoiería e bixutería (12,4 %), o peixe fresco (8,9 %), a carne de porcino (8,3 %), a carne seca ou afumada (6,9 %) e o azucre (6,8 %).

Pola contra, o que máis se abaratou son os combustibles líquidos (17,7 %), a electricidade (14,2 %), o aceite de oliva (12,0 %), soportes informáticos como discos duros externos ou USB (9,4 %) e o gasóleo (9,3 %).

Sen ter en conta os elementos máis volátiles da cesta da compra (enerxía e alimentos frescos), a inflación subxacente mantívose no 1,1 %, co que se situou máis dun punto por encima da do IPC xeral.

Durante marzo, os prezos baixaron o 0,4 %, sobre todo polo descenso do transporte (3,1 %) polo abaratamento dos carburantes e  lubricantes; e polo da vivenda (2,0 %) pola caída da electricidade e, en menor medida, do gasóleo para calefacción.

Destaca o incremento do 4,4 % dos prezos experimentado polo vestido e calzado, en liña co inicio da tempada de primavera-verán.

O índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA) -que permite realizar comparacións internacionais- situouse en marzo no 0,1 %, oito décimas por baixo do de febreiro.

A inflación interanual moderouse en todas as comunidades autónomas en marzo respecto a febreiro. Galicia foi, xunto con Castela-A Mancha, a comunidade onde houbo unha maior variación respecto de febreiro. Con todo, a maior caída (0,7 %) rexistrouse na cidade autónoma de Melilla.