A industria do automóbil da UE advirte dos perigos dun 'brexit' sen acordo
As empresas europeas da automoción fan un rexeitamento conxunto a un brexit sen acordo e pídenlle tanto ao Reino Unido como a Unión Europea que o eviten. A industria da automoción europea produce máis de 19 millóns de vehículos ao ano e emprega preto de 14 millóns de persoas.
Os seus líderes falan de repercusións severas no caso dunha saída sen acordo. Apuntan que no caso da fin do libre comercio, os aranceis sobre automóbiles e furgonetas poderían supor un aumento de 5.700 millóns de euros ao comercio entre a Unión Europea e o Reino Unido, polo que os prezos aumentarían para os clientes se os fabricantes non dan asumido ese custo adicional.
A esta demanda da Asociación Europea de Fabricantes da Automoción, á que tamén pretence PSA, súmanse outras 21 asociacións de distintos países que reclaman medidas para evitar o que consideran un cambio sísmico nas condicións comerciais.
En total, 23 asociacións da industria automobilística do Vello Continente -entre as que se atopan as españolas Anfac e Sernauto- din non a unha saída abrupta do Reino Unido da Unión Europea. Aseguran que un brexit sen acordo provocaría un "cambio sísmico" nas condicións comerciais no mercado da automoción: dispararía os aranceis sobre os turismos e furgonetas e provocaría unha suba no prezo final dos vehículos.
A Asociación de Construtores Europeos de Automóbiles dá un dato: calcula que a fin do comercio sen barreiras podería causar interrupcións na produción de vehículos no Reino Unido por valor de 54.700 millóns de euros e un gasto adicional de 5.700 millóns en concepto de aranceis.
Expertos debaten en Vigo sobre os retos do sector
O pesqueiro tamén é un sector preocupado pola incerteza do brexit. Expertos e políticos debaten sobre o futuro da pesca ante os posibles escenarios da saída do Reino Unido da UE. Un dos riscos principais é a prohibición de entrar nas en augas británicas, o que afectaría os 130 buques galegos que pescan nas Malvinas e no Gran Sol con 1.700 tripulantes. Desde as administracións fan un chamamento ao traballo conxunto para que Galicia manteña a súa posición de liderado.