CRTVG

Buscar

A industria, expectante ante o estauto das electrointensivas, que se coñece este luns

Publicado o 10/02/2020 13:26

Os ministerios de Transición Ecolóxica e de Industria presentan este luns á tarde o estatuto das empresas electrointensivas.

Á espera de coñecerse o contido do estatuto que regulará o funcionamento destas industrias, o comité de empresa da factoría que a multinacional Alcoa ten en Mariña confía en que este documento sirva para rebaixar o prezo da enerxía, porque pola contra "o problema será aínda máis gordo".

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, dixo a EFE que se ese estatuto non liquida o "problema do prezo da enerxía" e colócao na media dos demais países europeos para a industria  electrointensiva, o futuro de Alcoa pode estar seriamente comprometido.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, criticou este luns que se "obvie" á Xunta na reunión de presentación do estatuto para as empresas  electrointensivas en Madrid, á que non foi convidado o Executivo galego, e pediu ao Goberno central que recolla medidas que "un prezo competitivo" para Alcoa.   

"Nun tema que levamos traballando durante moitos meses, en que a Xunta trasladou propostas concretas ao Goberno e, lamentablemente, pretende, unha vez máis, obviar, anula a Xunta e todos os galegos", reprochou.   

"Os aspectos formais non son relevantes, aínda que son importantes, e o que nos preocupa á Xunta son os aspectos de fondo", insistiu Conde.

"Esperamos que o Goberno non estea ante unha operación estética e realmente o estatuto sirva para dar resposta ás empresas electrointensivas e a Alcoa", abundou o conselleiro, quen lembrou que esta compañía xa lle trasladou que "é insuficiente" o apuntado ata a data.

Neste sentido, Conde subliñou que vai "un ano" de espera e "un ano de promesas incumpridas". "Esperamos que haxa unha concreción sobre se realmente Alcoa San Cibrao vai ter unha resposta en termos de prezo eléctrico competitivo co borrador que se vai a presentar esta tarde", afirmou Conde.

Respecto diso, advertiu de que "se non é así" sería "a constatación de que a única intención que ten o Goberno é pechar Alcoa San Cibrao".

"Imos esperar ao contido do estatuto, queremos medidas que garantan que Alcoa poida ter un prezo competitivo, de entre 35 e 40 euros megawatt", destacou Conde.

"Se é así, a Xunta trasladará as felicitacións, senón denunciaremos o incumprimento por parte do Goberno", avisou. "Farémolo con toda a responsabilidade", concluíu, para matizar que "non se trata de ter un estatuto, senón un que de resposta a ter un prezo competitivo".