CRTVG

Buscar

A incidencia segue ascendendo lixeiramente en España e sitúase nos 164 casos

Publicado o 06/04/2021 18:14
A incidencia segue ascendendo lixeiramente en España e sitúase nos 164 casos

As comunidades autónomas notificaron este martes ao Ministerio de Sanidade 6.623 novos casos de coronavirus, 4.103 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son superiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 4.994 positivos.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 3.317.948 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 164,71, fronte a 163,37 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 78.154 positivos.   

No informe deste martes engadíronse 128 novos falecementos, en comparación con 106 o martes pasado. Ata 75.911 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 237 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 9.463 pacientes ingresados por coronavirus en toda España (8.944 onte) e 1.990 en UCI (1.925 onte). Nas últimas 24 horas producíronse 1.126 ingresos (931 onte) e 850 altas (437 onte). A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 7,61 por cento (7,49 % onte) e nas UCI no 19,92 por cento (19,65 % onte).