A incidencia segue á baixa en España, con 18.114 novos contaxios
As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 18.114 novos casos de COVID−19, 8.298 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 31.596 positivos.
A cifra total de contaxios en España elévase xa a 3.023.601 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 584, fronte a 630 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 274.703 positivos.
No informe deste mércores engadíronse 643 novos falecementos, en comparación con 766 onte e 565 o mércores pasado. Ata 63.704 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 1.748 persoas con diagnóstico de COVID−19 positivo confirmado en España.
Actualmente, hai 24.821 pacientes ingresados por COVID−19 en toda España (26.101 onte) e 4.548 en UCI (4.594 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 2.120 ingresos (2.218 onte) e 3.175 altas (3.495 onte). A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 19,28 por cento (20,41 % onte) e nas UCI no 41,57 por cento (42,28 % onte).