CRTVG

Buscar

O Goberno insta a ampliar medidas pola alza constante da incidencia, xa en 202 casos

Publicado o 15/04/2021 18:41

A epidemia de covid−19 suma 105.291 contaxios desde o inicio de Semana Santa (un 21 % máis que a cifra total de marzo), segundo o Ministerio de Sanidade, que informou este xoves dun aumento da incidencia acumulada en 14 días de case dous puntos, ata 202,7, e un descenso de dúas décimas na ocupación das UCI, ata o 21,3 %.

Ante estes datos, a Secretaria de Estado de Sanidade Silvia Calzón volveu instar as comunidades a implementaren medidas para deter o "crecemento lento, pero constante dos contaxios" que se observa nas últimas semanas. Díxoo en conferencia de prensa este xoves; nela, destacou a gran variabilidade que existe entre comunidades na evolución da pandemia e indicou que a incidencia a 14 días oscila desde un mínimo de 35,5 (Comunidade Valenciana) ao máximo de 436,7 (Navarra), sen contar coas cidades autónomas, cuxa transmisión é de 496,4 en Ceuta e de 511 en Melilla.

Estes territorios, xunto a Madrid, cunha incidencia de 348,5, atópanse en situación de risco extremo, por encima dos 250 casos. Tamén destacou Calzón as diferenzas entre comunidades autónomas na ocupación das UCI con enfermos de covid−19, xa que a presión oscila desde o 2,8 % de Galicia ao 41,3 % de Madrid.

As comunidades autónomas comunicaron este xoves a Sanidade 9.663 novos contaxios nas últimas 24 horas; con iso, o total de infeccións elévase a 3.396.685 desde o inicio da pandemia, e o de falecidos a 76.882, con 126 máis. 

Sanidade mantén que o impacto da cuarta vaga non é comparable ao das outras. Tamén contribúen, din, as vacinas. Máis de tres millóns douscentos mil españois xa teñen posta a pauta completa. Entre eles, case o 97 por cento dos maiores de 80 anos, a poboación máis vulnerable.

Sanidade lanzará este venres unha campaña para concienciar a poboación dos beneficios das vacinas, ante o rexeitamento que están provocando os incidentes con algunhas farmacéuticas. De momento, o Goberno non decidiu que facer coa segunda dose da de AstraZeneca e está á espera de que a EMA se pronuncie sobre a de Janssen.