CRTVG

Buscar

A incidencia en España sobe ata os 183 casos tras crecer 27 puntos desde o inicio da Semana Santa

Publicado o 09/04/2021 18:20
A incidencia en España sobe ata os 183 casos tras crecer 27 puntos desde o inicio da Semana Santa


España sumou 56.118 novos contaxios desde o pasado 1 de abril, inicio da Semana Santa, período en que a incidencia acumulada aumentou 27,3 puntos, ata 182 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, e a presión nas UCI pasou do 18,4 % ao 20,4 %.

Segundo os datos facilitados este venres polo Ministerio de Sanidade, nas últimas 24 horas notificáronse 10.875 contaxios máis, co que a incidencia acumulada volve subir ata os 182 casos (7,5 máis que onte). A incidencia de Navarra (394,5), Madrid (324,3), País Vasco (295,3, Ceuta (465) e Melilla (494) mantén a estes cinco territorios en situación de risco extremo (por encima de 250 casos), e só a Comunidade Valenciana segue en nova normalidade (menos de 50), con 34,9 casos. 

Ademais, notificáronse 149 mortes máis desde o onte xoves, o que eleva o total de falecementos desde o inicio da pandemia a 76.328. Este venres hai 2.050 enfermos de covid nas UCI (26 máis que onte), mentres que a ocupación hospitalaria é do 7,4 %, con 9.359 pacientes ingresados (25 menos). Desde o inicio da pandemia contabilizáronse 3.347.512 contaxios.