CRTVG

Buscar

A incidencia en España sobe a 204, con Cataluña e Cantabria en nivel extremo

Publicado o 05/07/2021 19:01
AXENCIAS

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 32.607 novos casos de COVID−19 durante a fin de semana, 4.317 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son superiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 10.179 positivos.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 3.866.475 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 204,16, fronte a 152,82 o venres. Nas pasadas dúas semanas rexistráronse un total de 96.874 positivos.   

No informe deste luns engadíronse 23 falecementos, en comparación cos dez do luns pasado. Ata 80.934 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 40 persoas con diagnóstico de COVID−19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 2.723 pacientes ingresados por COVID−19 en toda España (2.412 o venres) e 616 en UCI (586 o venres). Nas últimas 24 horas, producíronse 380 ingresos (362 o venres) e 163 altas (287 o venres). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 2,26 por cento (1,99 % o venres) e nas UCI no 6,73 por cento (6,39 % o venres).   

Entre o 25 de xuño e o 1 de xullo, as comunidades autónomas realizaron 736.228 probas  diagnósticas, das cales 457.172 foron PCR e 279.056 tests de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 1.565,57. A taxa total de positividade sitúase no 8,38 por cento, fronte ao 5,87 por cento do venres.

Sanidade anunciou que por primeira vez en España se administraron máis de 4 millóns de doses nunha semana. Isto sitúanos nun ritmo de vacinación máis alto que outros países, coma os Estados Unidos ou A China, e nos mellores postos se tomamos Europa como referencia.

Nestes momentos o 56 por cento da poboación española conta cunha dose de vacina e máis do 40 por cento xa ten a pauta completa. Sanidade asegura que a este ritmo seguiremos cumprindo os prazos marcados.

Risco extremo nos máis novos

A transmisión da covid−19 entre os mozos disparouse esta fin de semana ata 640,1 casos no grupo de 20 a 29 anos e a 584,3 no de 12 a 19 anos, con 32.607 novos contaxios, que elevan a media de incidencia nacional a 204,1.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernando Simón recoñeceu que son datos "nada bos" e cualificou de "situación complicada" a evolución da pandemia neste momento, aínda que destacou que "polo menos non se reflicte nos parámetros de gravidade" (ocupación de UCI e falecidos).

Noticias web

05/07/2021