CRTVG

Buscar

A incidencia en España baixa a 416 casos, pero mantense a presión nas UCI

Publicado o 16/08/2021 18:56
A incidencia en España baixa a 416 casos, pero mantense a presión nas UCI

EFE

As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 25.726 novos casos de covid-19, 2.749 deles diagnosticados durante a fin de semana. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 39.638 positivos, o que indica unha tendencia á baixa na evolución da pandemia.

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.719.266 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 415,90, fronte a 462,23 o venres. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 197.350 positivos. No informe deste luns engadíronse 125 novos falecementos, en comparación con 119 o luns pasado. Ata 82.595 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 242 persoas.

Actualmente, hai 9.356 pacientes ingresados por covid en toda España e 1.931 en UCI. Nas últimas 24 horas, producíronse 956 ingresos e 639 altas. A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 7,97 por cento (7,92 % o venres) e nas UCI no 20,96 por cento (20,78 % o venres). Segundo os datos facilitados este luns polo Ministerio de Sanidade, a situación máis preocupante nas uci rexístrase nos hospitais de Cataluña, co 43,8 % de ocupación; Madrid, cun 33,4 %, e as Baleares, cun 26,5.

 

Noticias web

16/08/2021