O Ministerio de Sanidade descarta un "excesivo efecto Semana Santa"
As comunidades autónomas notificaron este luns ao Ministerio de Sanidade 21.071 novos casos de covid−19, 2.218 deles diagnosticados durante a fin de semana. Estas cifras son lixeiramente inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 22.744 positivos.
A cifra total de contaxios en España elévase xa a 3.428.354 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 230,54, fronte a 213,05 o venres. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 109.393 positivos.
No informe deste luns engadíronse 121 novos falecementos, en comparación con 197 o luns pasado. Ata 77.102 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 240 persoas con diagnóstico de covid−19 positivo confirmado en España.
Actualmente, hai 10.447 pacientes ingresados por covid−19 en toda España (9.788 o venres) e 2.276 en UCI (2.180 o venres). Nas últimas 24 horas, producíronse 931 ingresos (1.161 o venres) e 391 altas (1.056 o venres). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 8,32 por cento (7,79 % o venres) e nas UCI no 22,40 por cento (21,71 % o venres).
A pandemia, di Fernando Simón, tende a estabilizarse en España. Seguen aumentando os contaxios, pero a un ritmo lento. E os datos constatan que os efectos da Semana Santa non foron tan negativos como se esperaba.
"Podemos estar satisfeitos. Desde logo non parece que a cuarta onda vaia ser comparable á terceira ou á segunda", asegurou o director do CAES.
Coa tendencia actual, Sanidade ve moi probable que o 9 de maio se poida levantar o estado de alarma, pero di que a decisión fimal haberá que tomala unha semana antes. E fanlle unha advertencia á poboación. "Que ninguén se equivoque, levantar o estado de alarma non significa levantar as medidas de protección individual ou as restricións. Seguirán existindo en puntos concretos, alí onde sexa necesario", advertiu o doutor.
Fernando Simón pídelles ás administracións e aos cidadáns que non se repitan os erros do verán pasado, ou do pasado Nadal. Precipitar a desescalada, di, atrasará a fin da pandemia.