CRTVG

Buscar

A incidencia continúa a súa tendencia á baixa en España e sitúase nos 213 casos

Publicado o 04/05/2021 19:57
A incidencia continúa a súa tendencia á baixa en España e sitúase nos 213 casos

As comunidades autónomas notificaron este martes ao Ministerio de Sanidade 4.515 novos casos de coronavirus, dos que 2.431 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, fronte aos 1.812 rexistrados o luns; iso eleva a 3.544.945 a cifra total de persoas contaxiadas de covid−19 desde o inicio da pandemia.

Mentres, elimináronse 1.837 casos duplicados de Cataluña xerados debido a un erro técnico na carga de datos do 23 de abril. 

Incidencia acumulada a 14 días 

Respecto da incidencia media actual de contaxios en España nos últimos 14 días, o informe mostra que segue reducíndose; sitúase nos 213,90 casos por cada 100.000 habitantes, en comparación cos 223,7 notificados onte polo departamento dirixido por Carolina Darias. 

Falecementos por mor da pandemia 

Canto aos falecidos por covid−19, este martes notificáronse 213 máis; deles, 210 rexistráronse na última semana. Isto fai que a cifra global de mortes por coronavirus en España se eleve ás 78.399 persoas.   

Ingresos hospitalarios

Actualmente hai 9.592 pacientes ingresados por covid−19 en toda España e 2.292 en UCI, aínda que nas últimas 24 horas se produciron 879 ingresos e 980 altas. A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 7,66 por cento, e, na UCI, no 22,89 por cento.   

Das 2.431 persoas diagnosticas de covid−19 no último día, 338 localizáronse en Madrid, 108 en Andalucía, 194 en Aragón, 71 en Asturias, 13 en Baleares, 121 en Canarias, 83 en Cantabria, 23 en Castela-A Mancha, 275 en Castela e León, 160 en Cataluña, dúas en Ceuta, 47 na Comunidade Valenciana, 72 en Estremadura, 79 en Galicia, 14 en Melilla, 64 en Murcia, 122 en Navarra, 614 no País Vasco e 31 na Rioxa.   

Canto ás mortes, Sanidade rexistrou xa 9.666 falecementos en Andalucía, en Aragón 3.446, en Asturias 1.945, en Baleares 823, en Canarias 732, en Cantabria 557, en Castela-A Mancha 5.861 e en Castela e León 6.775. Ademais, 14.191 persoas faleceron en Cataluña como consecuencia do coronavirus, en Ceuta contabilizáronse 107 falecidos desde o comezo da pandemia, na Comunidade Valenciana 7.318, en Estremadura 1.791, en Galicia 2.378, en Madrid 15.016, en Melilla 90, en Murcia 1.590, en Navarra 1.164, no País Vasco 4.189 e na Rioxa 760.