CRTVG

Buscar

A incidencia continúa a súa tendencia á alza en España e sitúase nos 167 casos

Publicado o 07/04/2021 18:09
A incidencia continúa a súa tendencia á alza en España e sitúase nos 167 casos

A transmisión de contaxios volve ascender este mércores con 8.788 novos positivos. Iso eleva a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes en 14 días a 167,9 casos (3,2 puntos máis que o martes) e a presión nas UCI ao 20 % (unha décima máis).

A incidencia sobe en 11 comunidades autónomas, baixa en seis e mantense en dúas, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, que revelan que a transmisión do coronavirus segue crecendo máis da media nas cinco que están en risco extremo (cunha incidencia superior aos 250 casos). Navarra está á cabeza con 396,6 (363,2 onte), seguida por Madrid con 302,1 (287,6), País Vasco con 279,5 (272,8), Ceuta con 391,9 (366,9) e Melilla con 459,3 (432,9).

Nos últimos sete días contabilizáronse 240 mortes, das que 126 foron contabilizadas nas últimas 24 horas; con elas, a cifra total de falecidos elévase a 76.037 persoas. Desde o inicio da pandemia houbo 3.326.736 contaxios.

Á espera de coñecer o impacto que a mobilidade en Semana Santa tivo na evolución da pandemia, Sanidade informou dun mínimo descenso (unha décima) na cifra de enfermos de covid−19 ingresados en hospitais, con 9.412 pacientes (51 menos), o cal supón un 7,5 % de ocupación.