CRTVG

Buscar

A incidencia continúa á alza en España, con sete autonomías en risco extremo

Publicado o 20/04/2021 19:00

A epidemia de covid suma 7.486 novos contaxios este martes e a incidencia acumulada en 14 días aumenta catro décimas, ata 230,9, con sete comunidades en situación de risco extremo, con máis de 250 casos por cada 100.000 habitantes.Trátase de Navarra, (426,3), Madrid (403), País Vasco (429), Aragón (269), Andalucía (259), A Rioxa (254,4) e Cataluña (254,1), ademais das cidades autónomas de Ceuta (419,2) e Melilla (498,4).

En canto á presión nas UCI, a media nacional sitúase no 22,4 %. Madrid ocupa o primeiro posto, no 45,4 %, seguida da Rioxa, nunha ocupación do 43,4 %. Segundo a ministra de Sanidade, Carolina Darias, está previsto que esta semana "comecen a remitir os contaxios ou, polo menos, se alcance o máximo de ascenso de transmisión".

Así o dixo Darias na súa comparecencia ante a Comisión de Sanidade do Senado, en que comentou que a incidencia acumulada a 14 días comeza a "estabilizarse" e lembrou que nalgunhas comunidades autónomas as cifras desta incidencia acumulada a sete días "empezan a estar por baixo do 50 por cento".

Nas últimas 24 horas, as comunidades reportaron 114 mortes máis, co que a cifra total de falecidos se eleva a 77.216 (277 nos últimos diete días) e a de contaxios a 3.435.840. A ocupación hospitalaria descende unha décima ata o 8,3 %.

Desde o pasado 1 de abril, data de inicio da Semana Santa, houbo 144.446 novos contaxios, a presión nas UCI pasou do 18,4 % ao 22,4 %, e a incidencia acumulada por cada 100.000 habitantes en 14 días aumentou en 76,2 puntos.