CRTVG

Buscar

A incidencia baixa dos 300 en España, pero aumentan as vítimas mortais da pandemia

Publicado o 25/08/2021 18:14
EUROPA PRESS

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 10.781 novos casos de covid-19, 5.580 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 11.956 positivos, o que indica unha tendencia á baixa na evolución da pandemia.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.815.205 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 291,28, fronte a 305,61 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 138.216 positivos.   

No informe deste mércores engadíronse 163 falecementos, en comparación con 144 o mércores pasado. Ata 83.690 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 365 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 7.657 pacientes ingresados por covid-19 en toda España (7.959 onte) e 1.760 en UCI (1.769 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 773 ingresos (799 onte) e 1.041 altas (1.141 onte). A taxa de ocupación de camas ocupadas por coronavirus sitúase no 6,53 por cento (6,79 % onte) e nas UCI no 19,22 por cento (19,28 % onte).   

Entre o 15 e o 21 de agosto, as comunidades autónomas realizaron 776.992 probas diagnósticas, das cales 498.816 foron PCR e 278.176 test de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 1.652,25. A taxa total de positividade sitúase no 10,49 por cento, fronte ao 10,68 por cento de onte.

Noticias web

25/08/2021