CRTVG

Buscar

A incidencia baixa a 60 en España e segue reducíndose a presión asistencial

Publicado o 29/09/2021 18:16
A incidencia baixa a 60 en España e segue reducíndose a presión asistencial
EUROPA PRESS

As comunidades autónomas notificaron este mércores ao Ministerio de Sanidade 2.761 novos casos de COVID−19, 1.246 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Estas cifras son inferiores ás do mesmo día da semana pasada, cando se notificaron 2.840 positivos, o que evidencia a tendencia á baixa na evolución da pandemia.   

A cifra total de contaxios en España elévase xa a 4.956.691 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais. A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 60,60, fronte a 62,58 onte. Nas pasadas dúas semanas rexistrouse un total de 28.753 positivos.   

No informe deste mércores engadíronse 39 falecementos, en comparación con 102 o mércores pasado. Ata 86.397 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio. Na última semana faleceron 129 persoas con diagnóstico de COVID−19 positivo confirmado en España.   

Actualmente, hai 2.616 pacientes ingresados por COVID−19 en toda España (2.830 onte) e 731 en UCI (771 onte). Nas últimas 24 horas, producíronse 200 ingresos (257 onte) e 330 altas (313 onte). A taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase no 2,17 por cento (2,36 % onte) e nas UCI no 8,07 por cento (8,47 % onte).   

Entre o 19 e o 25 de setembro, as comunidades autónomas realizaron 629.530 probas  diagnósticas, das cales 376.758 foron PCR e 252.772 tests de antíxenos, cunha taxa global por 100.000 habitantes de 1.338,68.   

Mentres tanto, a taxa de positividade sitúase no 2,85 por cento, fronte ao 2,89 por cento de onte. A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda que este dato se atope por baixo do 5 por cento para considerar como controlada a propagación do virus.

Noticias web

29/09/2021