CRTVG

Buscar

As restricións non conseguen frear a pandemia en Viveiro, onde sobe a incidencia

Publicado o 31/05/2021 14:08

Día tras día, a situación empeora en Viveiro, que xa suma 48 positivos. Con estes datos, a incidencia acumulada supera os 300 casos por cada 100.000 habitantes. Actualmente, este concello mariñao é o único da área sanitaria de Lugo que se encontra no nivel alto de restricións.

Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña: "O gromo estase estabilizando. Esperemos que non sexa necesario endurecer o nivel de restricións actual. Estamos tomando todas as medidas para non ter que endurecer as restricións, e o foco si que está estabilizado".

Esta é xa a quinta vez que os locais de hostalería de Viveiro teñen que pechar as salas. Fartos de seren os máis prexudicados polas restricións establecidas, dende o sector van mobilizarse este martes.

Teresa Villar, hostaleira: "Estamos ao 50 por cento en terraza. Iso para aguantalo un local é imposible. Nós só temos dúas mesas aquí, e grazas que nos cederon unha fachada, se non estariamos abocados ao peche. É o quinto peche que temos, e para o hostaleiro non é unha broma".

Nos concellos da contorna de Viveiro, como Xove, Cervo ou Burela, tamén subiu lixeiramente o número de novos contaxios.

Noticias web

31/05/2021