CRTVG

Buscar

O Goberno anuncia un plan para reconstruír A Palma, que se declarará zona catastrófica

Publicado o 24/09/2021 14:54

Coa declaración de zona catastrófica o próximo martes no Consello de Ministros, os damnificados polo volcán terán axudas inmediatas para alugar casas e mercar roupa ou cousas básicas para vivir. Tamén se garanten axudas para os sistemas de rega das plantacións, que quedaron afectados en practicamente toda a illa. E recursos específicos para os traballadores do sector agrario. Trátase, segundo explicou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "dunha regulación específica dos ERTE para protexer o emprego dos sectores que se viron afectados polo volcán, e penso especialmente no sector agrícola tan importante nesta illa, e nos cultivos de plátanos"

O Goberno traballa xa nun plan especial de reconstrución da Palma, con partidas económicas para recompoñer infraestruturas e núcleos urbanísticos. Máis de 400 familias quedaron sen vivenda. A maioría está realoxada en hoteis e casas xestionadas polo Goberno canario, que estuda xa outras alternativas por se hai que seguir evacuando poboación. Contemplan "a posibilidade de habilitar transatlánticos, por se nun momento determinado non nos chegan os recursos habitacionais que temos", explicou   Ángel Víctor Torres, presidente das illas Canarias.

Este venres visitaron a illa da Palma os ministros de Dereitos Sociais e Consumo, ambos de Unidas Podemos. Ione Belarra e Alberto Garzón agradeceron o traballo das forzas de seguridade, e trasmitíronlles aos palmeiros o apoio do pobo español.
 

Noticias web

24/09/2021