CRTVG

Buscar

A illa da Palma rexistrou sete erupcións volcánicas dende o século XV

Publicado o 19/09/2021 20:55

A erupción volcánica deste domingo na Palma non sorprendeu a case ninguén, xa que a illa canaria rexistrou sete desde o século quince, a última delas en 1971. O Instituto Xeográfico Nacional deu a alarma o sábado pasado, avisou do perigo real e próximo e constatou desde ese momento máis de seis mil pequenos sismos.

Aínda que estaba máis que anunciada polos científicos e as autoridades, a erupción de Cumbre Vieja probablemente lles provocou aos máis de trinta mil habitantes da zona próxima un dos maiores sustos das súas vidas.

O lugar é un dos complexos volcánicos máis activos das Canarias, onde moitas persoas aínda lembran as erupcións do volcán San Juan, en 1949, e a mais recente, a do volcán Teneguía, en 1971. Hai constancia de sete erupcións similares na illa desde o século quince.

Os técnicos do Instituto Xeográfico Nacional e do Vulcanolóxico das Canarias viñan rexistrando desde o sábado da semana pasada, día once, unha importante acumulación de pequenos sismos nos arredores de Cumbre Vieja, con focos que comezaron a vinte quilómetros de profundidade pero que foron subindo ata a superficie. Chegaron a rexistrar 6.600 sismos no lugar.

Desde comezos desta semana, a illa da Palma estaba no nivel 2 de risco volcánico, dun total de 4. E este domingo, as autoridades ordenaron a evacuación dos veciños con problemas de mobilidade dos concellos desta zona do sur da Palma. Non houbo protestas nin sorpresas.

Noticias web

19/09/2021