CRTVG

Buscar

Vidal Romaní: "Un estoupido freatomagmático podería voar parte da illa"

Publicado o 25/09/2021 17:38

Nestes momentos é imposible saber canto vai durar e como vai evolucionar unha erupción como a que está acontecendo na illa da Palma. Segundo o catedrático emérito de Xeoloxía da Universidade da Coruña, Juan Ramón Vidal Romaní, "hai unhas valoracións que poden ser estatísticas, é dicir, pois que en dous meses podería acabar, pero máis nada".

Nunha entrevista no espazo Bos Días, da Televisión de Galicia, o experto salientou que o realmente perigoso non é que a lava chegue ao mar, "a principal preocupación, na miña opinión, é que poida haber unha entrada dentro da fenda, non das lavas no mar, senón do mar dentro da fenda".

Ademais, advertiu de que isto "podería causar un estoupido, dos chamados freatomagmáticos, que podería voar parte da illa, e iso non se pode predicir; o único que se pode facer é evacuar a poboación o máis lonxe que se poida da illa, ou incluso na mesma illa, pero o máis lonxe posible".

O experto en xeoloxía da Universidade da Coruña engade que, cando remate a erupción, non se poderá urbanizar de novo a zona, ao tempo que asegura que non hai métodos para frear as riadas de lava, só agardar que remate a erupción e pensar que a actividade volcánica vai seguir na zona.


 

Noticias web

25/09/2021