CRTVG

Buscar

A II Mostra Virtual do Encaixe de Camariñas comezará o 31 de marzo

Publicado o 16/03/2021 15:33

Noemí Toba Martínez é unha das modelos da II Mostra Virtual do Encaixe de Camariñas. Así explica cómo é a participación destas mulleres no certame: "Todas somos de Camariñas, ningunha de nós é modelo profesional pero como boas camariñas que somos levamos a Semana Santa e a Mostra do Encaixe no corazón. A maioría xa temos algo que ver na Mostra do Encaixe e algunhas empezaron de novo, pero a verdade é que se uniron tan ben á isto que xa parece que son da familia dende hai moitísimo tempo".

Son mulleres de Camariñas, a alma da Mostra do Encaixe. O ano pasado a pandemia obrigou a prescindir da cita presencial. Esta edición tamén será virtual pero moito máis viaxeira. O encaixe percorre praias, faros, montes, bosques, descubríndonos unha nova ollada sobre Camariñas.

María Dolores Lema Mouzo, directora da Mostra do Encaixe, anuncia que esta edición inclúe "a novidade da integración de diferentes localizacións do concello, unhas moi coñecidas, outras non tan coñecidas, baixo o paraugas do encaixe e da moda".

O equipo técnico son alumnas e alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña, que se implicaron de balde.

Pareceume un proxecto moi bonito e aos meus compañeiros tamén", explica Charo Mourille, unha das alumnas de Comunicación Audiovisual que participa, e engade: "Dásenos unha liberdade creativa moi grande e á vez é un proxecto diferente no que aprender". 

A mostra do Encaixe de Camariñas inaugurarase o día 31 de marzo en redes sociais.

Noticias web

16/03/2021