CRTVG

Buscar

Xa non haberá toque de queda este sábado en Galicia e a hostalería amplía horario

Publicado o 07/05/2021 20:47

Este sábado os bares xa poderán abrir ata as once da noite e os restaurantes ata a unha da madrugada. Iso é posible porque xa non haberá toque de queda. Poderemos seguir fóra da casa despois das once, e iso permite ampliar o horario da hostalería. A partir do domingo remata o peche perimetral da comunidade. O que permanece igual que ata agora son as limitacións nas reunións de non conviventes, cun máximo de catro persoas en lugares pechados e seis en exteriores.

Este sábado xa non haberá toque de queda e a hostalería amplía horarios

 Coa fin do estado de alarma o domingo desaparece o toque de recollida. En Galicia atrásase este próximo sábado ata as doce da noite, co que na practica xa non estará vixente, agás nos concellos no máximo nivel de restricións.

Iso permitirá adiantar o novo horario da hostalería, que xa desde o sábado autoriza os bares a abrir ata as once da noite e os restaurantes ata a unha da madrugada. A ocupación dos locais mantense en función dos niveis de cada concello.

Despois do peche da hostalería prohíbense as reunións nas casas

Pero a intención da Xunta é prohibir as reunións de non conviventes nas casas entre a unha e as seis da mañá, e dicir unha vez que a hostalería baixe a reixa.

As xuntanzas, limitadas a catro persoas en interiores e seis en exteriores 

Fóra dese horario mantéñense as mesmas limitacións nas xuntanzas, un máximo de catro persoas en espazos pechados e de seis ao aire libre.

O domingo remata o peche perimetral de Galicia

Coas novas medidas anticovid tamén desaparece o peche perimetral da comunidade autónoma. Os galegos poderán saír do límite do territorio e os doutras comunidade entrar en Galicia, pero coa obriga de inscribirse no rexistro de viaxeiros. Tamén neste caso quedan á marxe os concellos con máximo nivel de restricións.