CRTVG

Buscar

A hostalería vai reabrir con horario limitado

Publicado o 01/12/2020 19:32

Agora mesmo son 62 os concellos galegos que teñen a hostalería pechada. Na maioría deles a incidencia da pandemia aínda é alta, superior ao que o comité clínico considera aceptable para poder reabrir. Só estes oito teñen unha incidencia acumulada a 14 días inferior a 150 casos por cen mil habitantes.

A desescalada podería empezar por eles. "Temos que compatibilizar e evolución sanitaria cos temas económicos. Sabemos que hai moitas familias afectadas", sinala Pedro Rascado, membro do comité clínico

En ningún caso se contempla unha apertura total da hostalería. Será gradual, e manteranse limitacións de aforo e limitacións horarias. "Unha desescalada por fases, que permita ir acompasándo a evolución sanitaria. Iranse cumprindo esas fases, e cada vez serán de maiores ocupación", explica Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta.

O sector pide que se teña en conta o seu principal reclamo desde a primeira fase. Cheché Real, presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo: "A posibilidade de que se poidan xuntar nunha mesa catro persoas de non conviventes"

Piden unha desescalada ordenada, e advirten: "Temos medo a que despois de Nadal volva haber contaxios, e que quen teña que pechar de novo sexa a hostalería", di César Ballesteros, presidente dos hostaleiros de Pontevedra,   "A hostalería negarase a pechar en xaneiro se hai ceas de Nadal de maneira descontrolada", advirte Héctor Cañete, presidente dos hostaleiros da Coruña,

As catro fases

Habería catro fases. Na primeira delas, poderá abrir ata as cinco da tarde cos locais ao 30 % no interior e a terraza ao 50 %.

Serán catro fases. A proposta arranca dunha situación como a que viven agora as áreas con peche perimetral. 

O seguinte paso (fase 2), naqueles lugares onde se produza unha melloría, sería unha apertura dun 30 % no interior dos locais e dun 50 % no exterior, con horario ata as cinco da tarde. E en principio só conviventes, aínda que a hostalería reclamou que sexan non conviventes ata un máximo de catro persoas. Será algo que se decidirá mañá. 

A continuación (fase 3), ampliaríase o horario ata as once da noite e grupos ata un máximo de seis non conviventes. E se a situción segue mellorando ampliaríanse as ocupaciónm ata o 50 % en interiores e o 75 % nas terrazas.

Na cuarta fase non se establecerían límites de ocupación. Na Xunta din que son niveis moi progresivos para tentar evitar unha volta atrás.

Os hostaleiros reclaman que xa poidan xuntarse non conviventes.

 

Noticias web

01/12/2020