A hostalería e o ocio nocturno piden recuperar os horarios e a ocupación prepandemia
O sector da hostalería agarda dicir adeus ás cunchiñas que os dividen por niveis. Queren que todas as cafeterías, bares e restaurantes poidan abrir máis alá da unha da madrugada e recuperen a ocupación completa. O uso das barras é outra das súas demandas.
Cesáreo Pardal, Presidente do Clúster do Turismo de Galicia di que "estamos pendentes de se as barras se van poder usar ao 100 % ou haberá que manter distancia de seguridade".
Pubs e discotecas tamén piden recuperar os horarios e a ocupación previa á pandemia. Todo apunta a que o sector verá aliviadas as restricións. Neste caso, o que parece que aínda vai quedar é o certificado covid.
Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo, di que "a mellor forma de poder traballar ao 100 % é pedir, de momento, o certificado covid".
A Xunta cre que a mellora da situación epidemiolóxica vai permitir eliminar restricións. Alfonso Rueda, Vicepresidente da Xunta de Galicia, afirma que "o compromiso que tiñamos de que cando as cousas melloraran había que mellorar as condicións fómolo cumprindo e eu espero que hoxe deamos un paso, se non é definitivo, case definitivo".
O comité clínico será o que teña a última palabra.