CRTVG

Buscar

A hostalería de Ordes, limitada polo espazo de terraza e polo tempo atmosférico

Publicado o 02/06/2021 14:05

En Ordes, esta mañá volveu ser de mercado e con nivel alto de restricións polo nivel de contaxios de covid-19. Bares e cafeterías, sobre todo os próximos á feira, tiñan bo ritmo de actividade; só na terraza, claro. E as nubes, ameazando con chuvia.

"Non se pode cosumir dentro e fóra só ao 50 por cento, e o tempo non axuda. Ou sexa, que fatal", di a propietaria dun café. 

Peor o teñen os hostaleiros que non dispoñen dun espazo de terraza que compense traballar. É causa pola que se ven negocios coa persiana baixada e nos hoteis do termo municipal suman máis días de parón.

A xerente dun hotel: "Non hai clientela, non. Respecto ao que esperabamos. Os peregrinos, que pensabamos que ían vir bastantes, van outra zona por onde non prestamos servizo".

Entre os hostaleiros de Ordes tamén hai quen consideran que as limitacións en vigor son desproporcinadas coa evolución de contaxios. Segundo a Policía Local, nos negocios que están abertos estanse a cumprir as esixencias correspondentes a esta cualificación por contaxios de coronavirus.

O feito de que nos concellos limítrofes non haxa tanta limitación propicia a fuga cara a eles de clientes que queren xantar ou cear cando constatan ou temen que non hai mesas dispoñibles en Ordes.

Noticias web

02/06/2021