A historia de Tino e Emma: derrubando as barreiras para as persoas xordas
Tino e Emma, pai e filla, acoden ao local da Asociación de Persoas Xordas da Coruña. Emma fíxose socia cando tiña 16 anos. Naceu en 1973, daquela o coñecemento social e mesmo sanitario sobre a xordeira estaba a anos luz do momento actual.
Florentino Blanco Alfonsín foi cofundador da Asociación Coruñesa de Promoción do Xordo e asegura: "Agora mesmo nace un neno e ao día seguinte xa sabes se é xordo ou non o é, pero antes non existía iso, tiñas que esperar. O neno chegaba a unha idade que tiña que falar e non o facía, facía todo por sinais: comer, beber. Aí é cando nos demos de conta, cando diagnosticaron a xordeira de Emma".
Emma Blanco Díaz, a filla de Tino e socia da Asociación de Persoas Xordas da Coruña, relata: "Nese momento meus pais xa empezaron a pensar a ver como podían facer para darme unha vida mellor. Empezaron a facerme probas para ver se necesitaba algunha prótese para empezar a falar e encontraron que había un colexio de xordos aquí na Coruña".
Hoxe en día o obxectivo é que o sistema educativo ordinario integre o alumnado xordo. Na década dos 70 aquilo soaba a utopía. Por iso o pai de Emma decidiu unir forzas con outros pais e crear unha asociación.
"Decidimos iso porque non encontrabamos outro xeito, para que os nenos puidesen mellorar nos seus estudos. A capacidade de vida que tiñan eles era moi pouca, estaban moi pechados a un mundo", lembra Tino.
E abriron ese mundo, conseguiron poñer en marcha na Coruña un centro escolar especializado. Foi en 1990. Hoxe os retos son outros. Vivimos na sociedade da información, pero as persoas xordas seguen precisando intérpretes para procesar esa información.
Así o agumenta Susana Castelo Rey, presidenta da Asociación de Persoas Xordas da Coruña: "No ámbito sanitario, no educativo, nos xulgados, non hai intérpretes normalmente. Esa é unha necesidade principal e tamén nos medios de comunicación, na televisión, na radio, sempre temos esa barreira de non acceso á información".
Son as novas esixencias da era dixital, medios de comunicación e redes sociais que derruben as barreiras para que a información sexa accesible a toda a cidadanía.