CRTVG

Buscar

A Guía Repsol premia a cociña galega con dez Soles

Publicado o 13/04/2021 16:41

A Guía Repsol distinguiu cos seus prestixiosos soles oito restaurantes galegos. As Garzas de Malpica e Casa Marcelo de Santiago lograron dous cada un, e outros seis locais do país obtiveron a súa primeira distinción. 

Os dous soles que hoxe iluminan Casa Marcelo están dedicados á clientela, que non deixou que quitasen a chaquetiña malia a pandemia. Para ela traballan dende hai 20 anos, nun local que segue a romper moldes, con cociña aberta e mesas corridas que non admiten reservas.

Unha taberna, din, onde se fusionan os sabores do mundo e onde, polo xeral, a xente come o que Martín Vázquez, o xefe de cociña, e Marcelo lles poñen.

No concello de Boqueixón, nunha casa de aldea, brilla outro Sol Repsol, o que recibiu o restaurante o Balado. Un remanso de tranquilidade pensado para gozar dun trato caloroso e dunha comida sen artificios.

Mentres afuma os xurelos na lareira, Roberto Filgueira define a súa cociña. Pratos que saben rico, di, con produto fresco e do país.

Xunto a eles outros seis restaurantes galegos foron distinguidos pola Guía Repsol entre os mellores de España. Todos coinciden en que sempre sabe ben recibir distincións, pero máis nun ano tan duro para a hostalería.

Noticias web

13/04/2021