A guerra dialéctica entre os EUA e A China sobre a crise do coronavirus afunde as bolsas europeas

O IBEX 35 baixou un 3,6% na sesión deste luns, perdendo a cota dos 6.700 puntos, nun contexto marcado polas tensións e acusacións entre os Estados Unidos e A China sobre a orixe da propagación do coronavirus, o que podería desembocar en novas disputas comerciais. Esta fin de semana, o secretario de Estado de Estados Unidos, Mike Pompeo, declarou que existe "unha importante cantidade de probas" que demostran que o novo coronavirus que provocou unha pandemia global comezou nun laboratorio da cidade chinesa de Wuhan, o epicentro da enfermidade, algo que negou A China.
"Podo dicir que existe unha importante cantidade de probas de que este virus procedeu dun laboratorio en Wuhan", subliñou Pompeo nunha entrevista co programa 'This Week', da cadea ABC, aínda que non sinalou que o virus fose creado polos responsables do laboratorio.
Neste escenario, o IBEX 35 pechou nos 6.673,3 puntos, borrando as ganancias do mes de abril, tinguido de vermello. O único valor que pechou en positivo foi Telefónica, que se impulsou un 2,85%, tras anunciar que negocia unha posible integración do seu negocio con Liberty Global no Reino Unido. Tamén presentaron retrocesos o resto de bolsas europeas, do 0,16% en Londres, do 4,24% en París, do 3,64% en Frankfurt e do 3,7% en Milán.