CRTVG

Buscar

A Gudiña, escenario este mércores dun cribado, baixa dous chanzos no nivel de restricións

Publicado o 03/03/2021 21:27

Cincocentas persoas foron chamadas a participar no cribado no concello da Gudiña. Aquí mudan as cousas a partir do venres, e moito; deixan de estar no nivel máximo de restriccións e pasan ao mínimo. É dicir, deixarán de estar con peche perimetral e a hostelería, despois dun mes con servizo tan só para levar, poderá reabrir as súas portas. Todo é posible grazas á boa evolución epidemiolóxica dos últimos días. 

O 73 por cento dos convocados acodiron hoxe ao cribado da Gudiña, fundamental para a detección de posibles asintomáticos.

O enfermeiro Xosé Lois López explica: " Suponse que un caso de contaxio con sintomatoloxía pode chegar a contaxiar el só sete, oito persoas. Se calculamos iso exponencialmente podémonos atopar cun caso bastante grave".

Na Gudiña recibiron con alivio a decisión do comité clínico. Aquí baixan dous chanzos no nivel de restriccións.

"A día de hoxe temos un só caso activo, asñi que pasamos do nivel máximo da semana pasada ao nivel mínimo a partir do venres." apunta José María Lago, alcalde da Gudiña.

E iso supón o levantamento do peche perimetral e a reapertura da hostelería, pechada dende o 23 de xaneiro.

"A verdade é que é unha alegría, despois de tanto tempo así pechados xa hai ganas de volver empezar", dí unha hostaleira.

O cribado trae ademais certa tranquilidade aos veciños.

Tamén o concello veciño da Mezquita experimenta un alivio nas restriccións. Con sete casos activos, pasan do nivel dous ao nivel tres. Alí houbo hoxe un cribado en que participaron o 78 por cento dos convocados.

Noticias web

03/03/2021