CRTVG

Buscar

A granxa da Baña que terá que matar 3.100 visóns pola covid permanece baixo vixilancia

Publicado o 22/01/2021 14:10

A granxa onde se detectou o primeiro gromo de coronavirus en visóns en Galicia está á beira dunha pista no monte da parroquia de Troitosende, no concello da Baña. Esta mañá dous operarios da Xunta visitaron a instalación e entregáronlle uns papeis ao propietario da explotación. Rexeitaron atender as nosas preguntas.

Segundo a Xunta, a explotación permanece inmobilizada e sometida a vixilancia e control polos servizos veterinarios despois de descubrir a infección. Os 3.100 animais que hai aquí van ser sacrificados. Unha veciña da parroquia laiábase do que isto supón para o dono.

Lourdes, veciña de Troitosende: "Pois síntome mal, porque é un rapaz que veu de Holanda hai moi pouco tempo, cando empezou, e paréceme imposible que isto estea así, porque só entran dous traballadores, el e un empregado. Paréceme imposible que estean así os visóns".

Lourdes di que vén camiñar por aquí e que a leira do lado é dela, pero que a infección descuberta na granxa non a vai arredrar de seguir vindo.

A asociación de criadores de visóns, AGAVI, defende que na granxa de Troitosende se aplicaron todos os protocolos establecidos en prevención do coronavirus.

Organizacións medioambientais como WWF e Adega alertaron dos riscos sanitarios que supoñen as granxas de visón a raíz dos contaxios en Dinamarca, onde sacrificaron todos os visóns.

O caso desta granxa da Baña é o segundo en España. En Teruel houbo un caso parecido polo que sacrificaron máis de 90.000 visóns. Aquí matarán 2.500 femias e 600 machos. As medidas para controlar o gromo inclúen a desinfección total da instalación.

Noticias web

22/01/2021