A gran borrasca Dennis golpea con forza o Reino Unido
A borrasca Dennis deixou tres persoas mortas e un regueiro de estragos no Reino Unido. O servizo meteorolóxico emitiu preto de 600 alertas por inundacións e refachos de vento tempestuosos, unha cifra sen precedentes no país.
A peor parte desta nova borrasca levárona o País de Gales e Inglaterra que aínda non se recuperaran da tormenta Ciara da semana pasada.
Dennis entrou con chuvia torrencial o que provocou o rebordamento de varios ríos e obrigou a emitir un número de alertas, sen precedentes, por inundacións.
Hai polo menos tres persoas mortas e foi necesario evacuar centos de residentes.
Ademais rexistráronse refachos de vento de 150 quilómetros hora que obrigaron a cancelar centos de voos para evitar situacións como as que viviron os viaxeiros deste A380 no aeroporto de Heathrow en plena tormenta. O aparello, o avión de pasaxeiros mais grande do mundo, aterrou finalmente e todo quedou nun susto.
Ducias de estradas e autoestradas están pechadas en plenas vacacións escolares e aínda que a situación mellorou nas últimas horas mantense para hoxe a alerta por risco de inundacións e refachos de vento moi fortes.
Dennis golpeou tamén o nordés de Francia, Islandia e Países Baixos e os expertos aseguran que a súa fusión con outra borrasca fixo que acadara unha forza inédita desde hai case 30 anos.