CRTVG

Buscar

A Generalitat de Cataluña estuda pechar bares e restaurantes ata final de mes

Publicado o 13/10/2020 22:16
A Generalitat de Cataluña estuda pechar bares e restaurantes ata final de mes

O Govern da Generalitat de Cataluña estuda pechar os bares e restaurantes ata final de mes debido ao rápido avance de contaxios da covid−19 na comunidade autónoma.

O secretario xeral do Departamento de Saúde, Marc Ramentol, avanzara este martes que haberá precaucións e restrición nas ocupacións dos locais e nos horarios de bares e restaurantes en toda Cataluña a partir do próximo venres para tentar conter o avance da epidemia.

Fontes do Govern non quixeron dar por confirmado o peche da hostalería, aínda que non desmentiron esta posibilidade, á espera da conferencia de prensa que o venres encabezará o vicepresidente do Govern e presidente en funcións Pere Aragonés, a conselleira e portavoz do  Govern Meritxell Budó, o conselleiro de Interior Miquel Samper e a conselleira de Saúde Alba Vergés.

Unha gran presenza do Goberno catalán nunha conferencia de prensa da que se esperan medidas contundentes para frear o avance da pandemia en Cataluña.

A epidemia segue avanzando sen freo en Cataluña, que sumou nas últimas 24 horas 1.280 novos contaxios e 111 novos hospitalizados, co que xa son en total 984 os pacientes de covid−19 ingresados, 172 deles na UCI, o mesmo número que había o 29 de maio e 21 máis que onte, ademais de 14 falecidos máis.

Aínda que nun principio as medidas restritivas serán por un período de 15 días, estas prorrogaranse se non melloran os indicadores epidémicos, que non deixan de crecer e xa son os peores nesta segunda onda e desde que acabou o estado de alarma.

Segundo os datos facilitados este martes polo Departamento de Saúde, o índice de crecemento potencial ou risco de repunta (EPG) segue aumentando en Cataluña e situouse en 338,4, vinte e sete puntos máis que onte, cunha velocidade de reprodución da enfermidade de 1,33, é dicir, que cada infectado contaxia de media máis dunha persoa.