CRTVG

Buscar

A Generalitat aproba a nova normativa que regula os VTC, que entra en vigor o venres

Publicado o 29/01/2019 14:48

Uns 700 condutores de VTC concentráronse ante a sede da Generalitat nun último intento para frear o decreto lei que esta mañá aproubou o Goberno catalán. A norma fixa unha contratación mínima de 15 minutos ata unha hora, impídelles ás plataformas como Uber ou Cabify amosar a xeolocalización dos seus vehículos, e prohíbelles a captación de clientes e o estacionamento nas rúas. As empresas do sector advirten que o decreto da Generalitat suporá o despedimento de 2.000 traballadores en Cataluña.

Os taxistas madrileños, que hoxe fan nove días de folga indefinida, revindican esa mesma regulación para os VTC na Comunidade de Madrid. Van presentar unha nova proposta que lles permita reabrir as negociacións, rotas dende o venres.

Dende o Goberno madrileño din que non van lexislar o exterminio dos VTC, que esta mañá tamén saíron ás rúas da capital. Varios centos de traballadores manifestáronse ante a sede de Podemos para defender os seus empregos.

Os condutores de VTC levan agora as súas reivindicacións á sede do PSOE en Ferraz.

Noticias web

29/01/2019