A Garda Civil rescata catro crías de cernícalo que foran espoliadas dun niño no Grove
A Garda Civil rescatou catro crías de cernícalo que foran espoliadas dun niño no Grove. Un veciño do Salnés enfróntase a unha pena de entre 6 meses e 2 anos de prisión por un delito contra a protección da fauna, xa que o cernícalo é unha especie protexida. Cada cría podería valer ata 400 euros no mercado negro.
O roubo foi nesta rúa do Grove. O niño está nunha ventá dun edificio deshabitado. "Andaban uns rapaces por aquí e pregunteilles: "que facedes aí?". Eles dixeron que os cernícalos eran seus e eu respondinlles que nada diso, que criaran alí e que os animais non tiñan dono"
As crías desapareceron e o Seprona seguiu o seu rastro en tendas especializadas da zona. Pouco despois, o dono dunha delas entregaba as crías no cuartel de Cambados. O máis importante era devolvelas rápido ao niño para que os adultos non as rexeitaran. Cabo Héctor García, xefe do Seprona de Vilagarcía. "Non hai animais con maior protección. Están suxeitos a regulación documental controlada pola Xunta e por Aduanas. O valor pode ir desde os 300 aos 400 euros. Hai fluxo entre Portugal e España. Unha vez que entran no mercado negro é difícil seguirlles a pista"
Agora o Seprona seguirá a evolución das crías. Mentres, o xulgado de Cambados instrúe o caso. O dono da tenda está acusado dun delito contra a protección da fauna.