A Garda Civil reconstrúe cun láser un accidente mortal en Vilanova de Arousa
Son os membros dun dos equipos de reconstrución de accidentes de tráfico da Garda Civil en plena faena.
Están recollendo datos cun scaner-láser para poder reproducir máis tarde no ordenador coa maior exactitude e en tres dimensións o lugar dun atropelo ocorrido hai un mes en Vilanova de Arousa, co resultado dunha persoa morta.
Os datos recollidos co láser complétanse con fotos do lugar e as probas acumuladas durante a primeira inspección visual.
"O que se fai é reconstruír o escenario real, ese escenario real trasládase ao gabinete e a través de programas informáticos emítese un informe pericial que se pon a disposición da autoridade xudicial cómo supostamente ocorreu o accidente", explica o tenente Juan José López Castro, da Garda Civil de Pontevedra.
É un traballo meticuloso e complexo para intentar incluír ata o máis mínimo detalle e aproximarse o máximo posible ás circunstacians exactas do accidente.
"Un informe pericial suxeito á libre valoración da autoridade xudicial, polo tanto será esta a que en último caso confíe ou non neste informe pericial", di o tenente Castro.
Este mesmo equipo elaborará informes periciais sobre outros dous accidentes mortais ocorridos este ano en Covelo e Cangas.