CRTVG

Buscar

A Garda Civil presenta unha aplicación de xeolocalización para peregrinos

Publicado o 15/07/2019 13:51

A aplicación móbil Alertcops conta dende agora cunha nova funcionalidade, "Gardián Benemérito". Un simple toque de maneira gratuíta permitiralles aos centos de peregrinos que discorren ata Compostela facelo de maneira máis segura. Se a habilitan, enviarán á Garda Civil as súas dez últimas posicións grazas á xeolocalización, e os axentes poderán acceder tamén a información sobre o estado da batería ou da cobertura. O fin, reforzar e axilizar a atención no caso de necesitala.

"Perfecto, porque así dá máis seguridade no Camiño. Paréceme interesante na medida en que poida axudar a todo aquel que faga o Camiño a que sexa máis seguro. O habitual son os golpes de calor, e máis no verán, entón isto axudaría moitísimo. Cando vas só precisas un anxo da garda, e neste caso póde ser a Garda Civil. Sobre todo para as mulleres, que parece que é o sexo máis débil, e eu si que vin moitas que mantiñan a precaución", din varios peregrinos.

Aínda que medidas coma esta son ben recibidas, en xeral coinciden en que o Camiño aproba en seguridade.

"Levamos cinco días camiñando e non tivemos ningún problema, sentimos que é un camiño moi seguro. A xente tratounos fenomenal. Homes machistas hai en todas partes, pero bueno, estamos acostumadas a tratar con eles", din varios peregrinos.

A aplicación enviará, ademais, unha mensaxe co contacto da Garda Civil, e cunha serie de consellos de seguridade para o peregrino.

Noticias web

15/07/2019