A Garda Civil investiga se un veciño de Sober lle disparou ao seu propio can
Foi nunha casa do lugar da Nogueira, en Sober, onde supostamente se lle disparou a un can cunha escopeta, deixándoo ferido de gravidade. O propio dono do animal foi o autor do disparo.
O home tiña a intención de sacrificar o can despois de que este matara 12 galiñas propiedade do veciño da casa lindeira. Precisamente, foi o dono das galiñas o que facilitou a arma coa que se tentou sacrificar o can. O home lamenta o acontecido, pero lembra que o can lle causara moitos danos. Agora tivo que presentar a escopeta e os permisos correspondentes para o seu uso no posta da Garda Civil de Monforte.
"Se o sei non lla deixaba, pero é que ese can facía moito dano e el mesmo quixo sacrificalo", di Manuel Pérez, dono da escopeta.
Manuel aclara que a súa relación co dono do can, de nacionalidade romanesa, é excelente e que foi este quen insistiu en sacrificar o animal polos danos que levaba causado. Tamén cre que o asunto non trascendería se non fose porque outro veciño oíu o disparo e deu aviso á Garda Civil. Montouse rapidamente un dispositivo de busca en que interviñeron membros de Protección Civil e do SEPRONA. Finalmente, o animal foi atopado con feridas de perdigóns na cabeza e nunha pata e transportado o hospital veterinario Rof Codina, onde permanece.
"Eu non esperaba que se montase toda esta lea pero non lle hai que facer. Síntoo polo can e polo dono", di Manuel.
A Lei galega de protección animal establece multas de ata 30.000 euros por accións deste tipo. A sanción pode ser maior se se demostra que o autor do disparo non tiña permiso de armas.